top of page

FORMAS E FIGURAS de innovadora estética foron emerxendo da creatividade do escultor Radu (1962 Santiago de Compostela, Galicia) dende un gran caos matérico de sobras de papeis impresos e cartonaxes arrombados nun curruncho de ningures, até chegaren transformados pola xenialidade da arte a se exhibiren arestora nestes espazos de visión para ofrecérmonos unha variada realidade de suxestivos logros plásticos presente entre o fuxidío resoar do silencio.

 

  Atopámonos, pois, aquí diante nosa cunha variada e orixinal mostra escultórica moi estimábel no seu carácter absolutamente novidoso e conseguida, logo de diversos procesos de tratamento técnico, nunha complexa laboura de preparación dos materiais endurecidos das pezas, utilizados por vez primeira nesta actividade creadora, que foron tomando sorprendentes formas resultantes adoptadas da experiencia plástica do autor e da súa singular inspiración.

 

  Neste senso tense expresado resaltando que durante anos “traballei como deseñador gráfico elixindo papeis e materiais para conseguir as mellores publicacións. Sempre me sentín abraiado polo maleábel e fráxil que son estes materiais e como se converten, despois de tratalos, en elementos fortes e duros permitíndome realizar pezas duradeiras no tempo. O proceso de realización é complexo e de moita paciencia, pero gústame o resultado final, o que para min é fundamental para seguir facéndoas”. Non hai dúbida de que todas estas obras que se nos presentan referidas a un mundo imaxinario de imprecisión figurativa e, en determinadas pezas, dunha xusestiva identidade de esencial aparencia surrealista, nesta exhibición ofrecen unha harmónica visión expositiva da súa diversidade. Case que me atrevería a subliñar que transmiten a novidade dos logros dun signo salvador no medio da actual e reiterada monotonía.

 

  O filósofo Federico Hegel deixou escrito que “revela o artista no obxecto formado polo seu xenio a súa verdadeira personalidade, que debe ser como o foco vivinte onde se forma e desenvolve a obra de arte na súa total natureza, como, en xeral, en todo pensamento e en todo acto da vida, a verdadeira liberdade deixa reinar a forza que constitúe o fondo de todas as cousas”. Nese logro de liberdade creadora o artista estuda e constrúe as figuras e os obxectos dende unha difícil realidade vagamente definida na que o receptor ou observador percibe as formas e actitudes corporais sen unha clara precisión figurativa, porque o escultor prefire destacar o que poderíamos denominar a actitude da xestualidade corporal, e o seu impacto presencial, que deterse nun detallado figurativismo realista, posto que nesta nova modalidade plástica na que traballa, representa unha ruptura estética e materialística con todo o que se veu facendo até a actualidade polos incontábeis camiños percorridos pola arte escultórica.

 

  Esta serie de insólitas pezas, que Radu hoxe está a nos exhibir, abrangue, na súa mistérica variedade aberta á intuición, unha galería de múltiples percepcións para cada unha das persoas visitantes, segundo a súa distinta sensibilidade imaxinativa. É dicir, entre o autor e quen as estea a percibir establécese un diálogo silente dende a contemplación.

Diante da contemplación
por Salvador García-Bodaño

Cartel da exposición.

Hai moitos xeitos de afrontar a realidade, unha é a que leva os artistas a escudriñar novas portas coas que abrir camiños, vías coas que poder expresarse, discursos e lecturas cós que poder ofrecer novos ángulos de visión. As saídas que dende as vangardas occidentais se despexaron, despois de cortar o nó gordiano da tradición, lograron poñer en movemento inquietudes exploratorias, sempre necesarias para que a tarefa catártica da arte resista o paso do tempo. Nese sentido houbo movementos que actuaron de modo revulsivo, ampliando o espazo artístico con moitas e variadas tentativas e iniciativas, ismos que convulsionaron os modelos reinterpretando as fontes creativas de sempre con desafíos que remataron por establecer unha audaz cartografía da modernidade.

 

  Aqueles xestos de rebelión seguen servindo de porto de atraque para a creación de hoxe en día, moi posiblemente porque eran proxectos ricos en metáforas, cuestionaban os mitos do pasado, non se deixaban encadrar con etiquetas e destilaban aires renovadores, elementos, por outra parte, indispensables e eternos sempre para progresar. En non poucas ocasións atoparon o camiño de saída nas ferramentas que utilizaban, instrumentos tan humildes e próximos como o papel. Braque e Picasso achegaron este material ao público, a través dós papier collé, sen deixar que a obra de arte perdese a súa esencia pictórica; en cambio, nos colaxes de Duchamp, Kurt Schwitters, Breton ou Max Ernst déuselle a esta fráxil e delicada ferramenta relevancia por enriba de calquera outro argumento.

 

  Foi precisamente no papel onde Radu atopou tamén a súa arma de evasión para descodificar a realidade e construír o seu mundo de fantasía. Realidade e fantasía, nun círculo ilusionista, dan pulsión ás súas figuras. O que escomenzou hai uns anos cun encontro lúdico, sen idea preconcibida, case como inxenua curiosidade artesanal, foi converténdose pouco a pouco en discurso plástico.

 

  Detrás de títulos tan rechamantes e ocorrentes como poidan ser Pirata con polbo ou Cadeira RIP está o traballo dun autor que ganduxa imaxes con certa retranca, avivando a complicidade da ironía e o humor, coa única intención de tamizar o mundo cotián coa maxia do obxecto, unha dimensión metafísica que se revela na súa obra sen que ninguén a convoque, aquí non existe ningunha finalidade de debate, nin discusións intricadas ou profundas tribulacións. O azar e a mesma parodia da vida son os únicos estímulos destas figuras moldeadas con restos de papel, vestixios que se deixan levar pola insinuación da forma, alentada por un espírito que Salvador García Bodaño atribúe a "unha suxestiva identidade de esencial aparencia surrealista".

 

  Con todo, é o propio material o que tende lazos coa realidade ao introducir palabras e frases soltas, fragmentos de artigos de xornais, encabezamentos institucionais, referencias todas elas dunha actividade anterior rescatada agora por Radu nunha especie de readymades cargados de significados, non necesariamente comprometidos, nin tampouco tristes, aburridos ou pesimistas. Seguramente tamén neste xeito de concibir e traballar a arte o autor compostelán síntese preto daquela idea de Schwitters cando, falando de Dada, dicía que non era un canto fúnebre, "senón máis ben un xogo alegre, cheo de cor, un pracer de deuses".

Xogo alegre, pracer de deuses
por Mercedes Rozas

 

Catálogo da exposición do Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense

bottom of page