top of page

Sobre min

Aurichu Pereira

Catálogos e libros de arte no que está presente Aurichu Pereira

En 1956 comezou a exercitarse no debuxo e na pintura baixo a tutela do pintor Carlos Maside.

Durante o curso 1957-58 residiu en Madrid para preparar o ingreso na Escola de Belas Artes de San Fernando, traballando no Casón do Retiro.

Dende os anos sesenta interesouse no movemento plástico de gravado da Estampa Galega, participando en diversas exposicións colectivas.

O pintor Luis Seoane interesouse pola súa obra e propúsolle patrocinarlle unha exposición individual.

En 1973 participou na exposición de Xóvenes Artistas Galegos, promovida por Luis Seoane e Reimundo Patiño, baixo o patrocinio do Concello da Coruña, que adquiriu unha das súas obras nese certame, hoxe catalogada no patrimonio artístico desa corporación. Nese mesmo ano participou en dúas novas exposicións colectivas en Santiago de Compostela. Posteriormente, por motivos laborais, deixou de participar públicamente nas actividades artísticas, retornando a elas en 1999.

Do 1973 ao 1999 deseñou ropa e obxectos para a súa propia loxa.

No 1980, exposición colectiva na 8ª exposición de pintura, debuxo e gravado, celebrada con motivo do centenario da Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

No 1981 é incluida no Libro elaborado a partir das exposicións de pintura e escultura que a Caixa de Aforros Municipal de Vigo celebra no centenario da súa fundación, 1980-1981

No 1985 é incluida no Catálogo de pintura e gravado: Patrimonio do Excmo. Concello da Coruña. 

No 2004, exposición individual na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, apadriñada polo escultor Silverio Rivas e o pintor Xosé Luis de Dios con sendos textos no seu catálogo.

No 2005, exposición individual na galería Voltaire de Ourense.

No 2006, exposición individual na Galeria Medulio de Tui.

No 2007, exposición individual na sala de exposicións do Clube Financiero de Vigo.

No 2009, exposición individual na sala de exposicións do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. No mesmo ano no Liceo de Noia, participa na mostra colectiva de catro mulleres pintoras “A flor de pel”.

No 2010, participa na exposición colectiva “Mulleres x Mulleres”, organizada polo Concello da Coruña na Casa da Cultura “Salvador de Madariaga”.

No mesmo ano, participa tamén na IV Exposición “Arte e Solidaridade” organizada polo Proxecto Home e itinerante por Galiza.

No 2011 exposición individual "Meu Courel Imaxinario" no Centro Cultural da Diputación de Ourense.

No mesmo ano exposición colectiva na galería Citania de Santiago de Compostela.

No 2012, exposición individual na galería Citania.

Neste ano sae o libro o "Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)", co título Un canto e unha luz na noite,  que traza a actividade cultural nos quince derradeiros anos da dictadura franquista, este título débese a Aurichu Pereira.

Ao longo deste decenio leva colaborando con ilustracións en libros e revistas, Nomeada en volumes da editorial Laiovento e da revista teatral “Casa Hamler”.

O 1 de novembro de 2023 finou na súa casa de Aguiar, Brión.

http://www.pintoresgallegos.com/bibliografia/aurichupereira.html

O día 11 de xaneiro de 2024, faise unha Homenaxe a Aurichu Pereira promovido polos seus fillos Rafa, Moncho e Salva coa gran axuda de Xose Ramón Fandiño e Mercedes Rozas

_MG_0676.jpg

Parzamique a Aurichu Pereira

por Xosé Ramón Fandiño (Morris)

Con Aurichu úneme unha inquebrantable amizade que se iniciou hai cerca de 40 anos, cando rexentaba unha preciosa tenda na que relucía o seu temperamento artístico nos deseños que marcaban tendencia na moda feminina da progresía santiaguesa dos anos 70 e 80.

 

Cando isto foi, Aurichu xa levaba andado un iniciático camiño artístico. Primeiro, sendo moi nova, baixo a tutela, nada máis e nada menos, que do gran pintor Carlos Maside.

Esas leccións tiñan lugar na casa do Rúa do Vilar na que vivía Maside e na que exercía un maxisterio socrático cos mozos que se lle achegaban para compartir con el o seu exilio interior. Maside faláballes do compromiso social da arte e das ideas estéticas que el practicaba. Tamén lles explicaba o que fora a historia recente de Galicia e das utopías frustradas da República e do Estatuto de Autonomía.

Por ósmose intelectual, Aurichu apreixaba e facía súas esas ideas que a ela non lle resultaban estrañas porque seu pai, don Xesús Pereira, era un mestre republicano coa impronta do que fora a pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza. Ao estalar a Guerra Civil, don Xesús foi represaliado e deixárono sen escola, pero en 1945 un grupo de amigos de Santiago contratárono para ser mestre dos seus fillos na preceptoría San Xosé na que traballaba cos fillos de familias cultas, belixerantes co franquismo. Case todos os seus alumnos desa época fixeron carreira universitaria e tivo algúns tan brillantes como Gonzalo Rodríguez Mourullo ou Xosé Manuel Beiras.

 

Levada polo seu entusiasmo característico, e malia os poucos anos, Aurichu, impulsada polo motor da súa vocación artística, trasladouse a Madrid para recibir clases de pintura no Casón do Retiro e preparar o ingreso na Escola de Belas Artes. De volta a Galicia interesouse polo movemento plástico de gravado da Estampa Galega e participou en diversas exposicións colectivas.

En 1973 participou na Coruña na exposición de Xóvenes Artistas Galegos, promovida por Luís Seoane e Reimundo Patiño. Foi por esta época cando o pintor Luís Seoane se interesou pola súa obra e lle propuxo realizar unha exposición individual. Se o seu primeiro alento foi o de Maside, agora atopouse con Seoane e estes dous grandes pintores convertéronse, tanto temática como compositivamente, no seu modelo a seguir como guieiros dunha figuración comprometida co seu tempo.

Forzada polas obrigas familiares de criar e educar aos seus catro fillos, abandonou momentaneamente a pintura e centrou o seu temperamento no deseño de roupa, que exhibía e comercializaba en Xanela, que ese era o nome da tenda de Aurichu na Fonte Sequelo, e que era, asemade, punto de encontro, parladoiro e ágora á que acudían artistas, músicos e poetas e na que nos reuniamos e a veces conspirabamos todos os que nos anos da transición estabamos involucrados nos movementos políticos e culturais do momento. Eramos novos, compartiamos ilusións e inquedanzas, estabamos xunguidos por un profundo sentido da amizade e críamos e  seguimos crendo, que un mundo mellor é posible.

 

Nos anos 90 Aurichu retoma os pinceis e inaugura esta nova etapa no ano 2004 cunha exposición individual na Galería Sargadelos de Santiago, que apadriñaron o escultor Silverio Rivas e o pintor Xosé Luís de Dios con sendos textos no catálogo.  A esta sucederon outras, individuais ou colectivas en Ourense, Tui, Vigo, Vilagarcía, Noia, A Coruña. De todas elas quero destacar a titulada Meu Courel imaxinario, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, comisariada, como non, por Mercedes Rozas. No fermoso catálogo desta fermosísima exposición do Meu Courel imaxinario, á que pertencen a maioría das pezas que hoxe se exhiben, Mercedes define esta nova etapa de Aurichu como a “metáfora da artista”, na que xa non hai liñas de demarcación e a visión abstracta sustenta a expresión da pintura. Pero aquí, continúa Mercedes, a supresión do obxecto non leva consigo a anulación total da representación. A pegada do ámbito incorpórase, aínda que de xeito ponderado e nun laconismo deliberado, ao cosmos pictórico, silente e repousado de Aurichu Pereira.

MEU COUREL IMAXINARIO

About
Meu Courel Imaxinario

“…atópase neste momento no máis profundo dunha viaxe iniciada fai uns anos, ollando para o próximo de si mesma. No inicio desta viaxe tivo fundamental importancia o feito de vivir nun espacio en permanente contacto coa natureza, un lugar idóneo para a meditación.”

Silverio Rivas"

Contacto

Reboraina de Aguiar, Brión, A Coruña, Galiza

Mensaxe recivido

Contact
bottom of page